Friday 17 de May de 2024

Moeche rexeita en pleno os dous proxectos eólicos que lle afectarían ao municipio


A declaración institucional só foi apoiada polo grupo municipal do BNG, mentres que o PP, a diferenza do ocorrido noutros concellos da comarca, optou pola abstención

O Pleno do Concello aprobou onte á tardiña unha declaración institucional de rexeitamento aos proxectos do P.E. Moeche e P. E. Badulaque polos “impactos negativos” que deles se derivarían para o conxunto do territorio e a veciñanza do municipio. O texto saíu adiante só cos votos faborables do Grupo de goberno. Deste xeito Moeche súmase a outros concellos da comarca nos que se aprobaron, neses casos por unanimidade, declaracións institucionais similares contrarias aos proxectos eólicos de ENEL.

A Alcaldía presentoulles este martes aos representantes dos grupos municipais – BNG e PP-, en sesión da Xunta de Portavoces, unha proposta de declaración institucional sobre os parques eólicos Moeche e Badulaque para que fixesen as súas achegas, co obxectivo de que o texto puidese ir a pleno xa consensuado. Porén, desde as filas Populares non houbo propostas ao respecto nin tampouco voto favorable e, finalmente, a declaración contraria a ambos proxectos foi aprobada en solitario polo BNG.

O texto recolle a posición institucional do Concello de Moeche ante estes dous proxectos, nos que se pode comprobar a proximidade dos muíños a varias vivendas -nalgúns casos a tan só 260 metros- ou a afección directa a explotacións gandeiras , ademais das novas obrigas para as persoas propietarias de montes que quedarían dentro do ámbito de protección das infraestruturas eólicas.

Ambos proxectos están ata o 18 de agosto na fase de información pública da solicitude de autorización administrativa previa e do estudo de impacto medio ambiental.

A Declaración institucional, aprobada cos únicos votos do Goberno municipal parte da necesidade de apostar polas enerxías renovables, como a eólica, pero tamén “de que os seus beneficios repercutan nos territorios que a xeran” e da “participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular”

A Corporación, a través deste texto, insta ao Goberno do Estado para que denegue a autorización para a construción do Parque Eólico Moeche e do Parque Eólico Badulaque e para que teña en conta as achegas da Administración local nunha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación “adecuada e coordinada en colaboración coa Xunta de Galicia” que respecte as competencias autonómicas propias nesta materia.

Tamén se insta ao Estado a elaborar xunto coa Xunta de Galicia unha Planificación Eólica conxunta que teña como base o coidado do patrimonio natural e cultural e “respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola, gandeiro e forestal”

Por último, requírese do Estado que informe das axudas outorgadas ou que se lle teñan previsto outorgar a Enel Green Power tanto por parte do Goberno español como do Banco Europeo de Investimentos, dirixidas a financiar a posta en marcha do plan industrial de desenvolvemento eólico que configuran os seis parques promovidos pola multinacional no conxunto da comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Eume.

Pola súa banda, á Xunta de Galicia solicítaselle que emita o preceptivo informe de impacto ambiental negativo e que considere “os prexuízos” que a instalación dos parques suporía para o ámbito do territorio de Moeche.

Remata a declaración institucional manifestando o compromiso do Concello de poñer “a disposición da veciñanza o asesoramento preciso para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que se consideren abusivos ou prexudiciais para a veciñanza, así como para a elaboración das alegacións necesarias”.

Desde o Concello lémbrase que o servizo de asesoramento para a preparación das alegacións xenéricas ao PE Moeche e o PE Badulaque prestarase na Casa do Concello o martes 27 e o mércores 28 de xullo, de 10.30 a 13.30h e de 16.30 a 19.00h

En nome do Goberno municipal, Beatriz Bascoy quixo expresar o agradecemento “a todas as entidades veciñais que están dedicando o seu tempo a ofrecer información sobre os proxectos e as súas afeccións”